sábado, 6 de enero de 2018

#66 Teléfono de axuda ao maltratador

#NovasIdeas #Igualdade #EmpoderarseDaPropiaVida

Quero aproveitar o meu blogue para lanzar unha proposta innovadora, que nunca antes escoitei, e que pode axudar a unha parte da sociedade, que está aí, do noso lado, aínda que non nos guste... falo de posibles maltratadores, xente que non sabe levar a dor que lle produce unha separación, e/ou que ten pensamentos “malos” que non sabe xestionar.

A proposta consiste simplemente nun: TELÉFONO DE ATENCIÓN AO MALTRATADOR, ao estilo do teléfono de atención ás maltratadas, pero neste caso, como prevención.
(Paréceme difícil de crer que alguén poida considerarse a si mesmo maltratador e que pida axuda, pero se non lle proporcionamos unha solución a alguén que non ve saída, a “súa” saída, a de pegar, maltratar, asasinar, será a única que vexa.)

Cando falamos de maltratadores, non falamos de persoas apartadas ou raras: pode que sexa o teu pai, o teu irmán, un tío, un cuñado, unha ex-parella, un veciño ou mesmamente, pode ser o caso que sexas ti mesmo.

Se ben é certo que nos é máis fácil pornos de lado do débil, da víctima, de quen sufre un maltrato, debo dicir que, ao meu parecer, quen maltrata é, ou foi, dalgunha maneira maltratado anteriormente, e que precisa axuda.
Digo tamén que quen maltrata, se non o fai a miúdo, ou se tan só o fixo unha vez, non o fai con gusto, e se ten un mínimo de corazón ou cabeza, buscará solución ao seu problema.
E está da nosa man axudarlle, e abrir camiños para que esta axuda chegue.

Nunha sociedade onde todas buscamos Paz, Sabiduría e BenEstar, non podemos deixar de lado a quen o está pasando mal, aínda que tan śo sexa por unha egoísta cuestión... axudémonos para que as cousas non vaian a peor.

Xúrdeme a cuestión de ata onde poderá manterse o segredo de confesión, e de se as posibles persoas que chamasen poderían manter o seu anonimato, e se isto sería compatible coa lexislación vixente... deixo a cuestión aberta, máis non é este o lugar de especificacións legais.

Pode que tan só sirva para casos de axuda a persoas dispostas a asumir a súa incapacidade ante pensamentos recurrentes como os de asasinato por causa de celos, despeito ou sufrimento a causa dunha separación.

Pode que sirva a moitos para descubrir novas formas de afrontar os problemas relacionados coas inseguridade ante o futuro e ante a soidade.

Por iso proporei tamén a creación de grupos de axuda ou de axuda personalizada, con terapeutas-psicólogos formados en tales casos, que buscaran a re-integración das persoas, así como un mellor auto-coñecemento por parte da persoa que non sabe ou non consigue levar o seu propio caso, e que se lle ensine algún tipo de práctica de auto-transformación, e poder así desta maneira, facernos vivir a todas nun mundo mellor.



No hay comentarios:

Publicar un comentario